Carriola.Redacción.08.11.26
A Xunta vén de abrir o prazo para que os centros educativos interesados se inscriban no programa de educación ambiental O Parque Nacional coa Escola, unha iniciativa para achegar á comunidade escolar os valores e a riqueza dos catro arquipélagos que conforman este espazo natural —Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada—.
O programa está destinado ao alumnado e profesorado pertencente aos concellos da área de influencia do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas: Bueu, Vilagarcía de Arousa, Ribeira e Vigo.

A iniciativa inclúe diferentes actividades didácticas e charlas (xogos, conta contos, presentacións audiovisuais...) adaptadas aos distintos niveis educativos e idades, xa que cómpre lembrar que está aberto á participación de colexios de Educación Infantil, Primaria, ESO, Formación Profesional e Bacharelato.
As actividades programadas -que se poderán solicitar ata o próximo 15 de marzo de 2027- desenvolveranse tanto no Centro de Visitantes do Parque Nacional en Vigo como nos propios colexios, no caso de que así o soliciten desde os propios centros inscritos.
Así mesmo, as aulas poden optar tamén a participar no concurso O Parque Nacional coa Escola para o cal deberán presentar diferentes traballos relacionados cos valores naturais e culturais dos catro arquipélagos. Os colexios gañadores visitarán as illas na primavera e realizarán unha ruta interpretativa da man dos guías do Parque Nacional.
Desde a posta en marcha da iniciativa no ano 2017, veñen implicándose na mesma unha media de 50 centros educativos e uns 2.000 alumnos por curso, polo que xa son máis de 26.000 os escolares participantes ata o de agora.
En todo caso, a dirección do Parque Nacional xa vén traballando directamente cos centros educativos da contorna mediante outras fórmulas didácticas desde 2004, polo que se estima que desde o inicio deste tipo de iniciativas o número de participantes total supera os 40.000 nenos e nenas.
No que respecta á valoración do programa, por parte dos docentes foi sempre moi positiva, destacando o acerto na adaptación para cada nivel tanto das metodoloxías aplicadas como das dinámicas realizadas co alumnado.
Así mesmo e á marxe da iniciativa, tamén se convida a todos os centros da contorna que realicen proxectos educativos relacionados coas Illas Atlánticas, os espazos protexidos ou o mar a poñerse en contacto co equipo de guías do Parque Nacional para estudar posibles formas de colaboración, ben sexa a través de charlas, rutas ou actividades no propio colexio, no Centro de Visitantes ou nas illas. O formulario para solicitar este tipo de colaboración pode descargarse da páxina web das Illas Atlánticas.