Carriola.Lucía Santos (*).20.05.26

Lucía Santos Omil
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) celebra que Marín conte, por fin, cun espazo cultural tan demandado e necesario para o desenvolvemento cultural da vila. Porén, lamenta que o goberno local do Partido Popular (PP) convertese a inauguración do auditorio, celebrado o pasado venres 15 de maio, nun acto propagandístico, tentando capitalizar unha demanda histórica a un ano das eleccións, ocultando os atrasos, modificacións do proxecto e problemas acumulados durante a execución dunha infraestrutura marcada pola falta de transparencia. O BNG considera, ademais, que a inauguración do centro cultural debería terse realizado cun acto no que participase o tecido cultural do concello.
A formación nacionalista considera preocupante que o goberno municipal priorizase a posta en escena e a rendibilidade política da inauguración antes de garantir unha estrutura profesional, transparente e estable para dotar de contido o auditorio. O verdadeiro éxito non dependerá dunha inauguración puntual, senón da capacidade do Concello para garantir unha programación cultural estable, unha xestión transparente e un acceso democrático ás instalacións.
O grupo municipal do BNG trasladou reiteradamente a necesidade de crear a praza de técnico/a cultural, adherirse ao convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), avanzar na integración na Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) e continuar reclamando melloras no equipamento e nos servizos culturais. Neste sentido reclamamos que o goberno local defina canto antes un proxecto cultural para o novo espazo, á vez que consideran imprescindible que tamén dote ás instalacións do persoal suficiente e cualificado para garantir unha xestión profesional e eficiente do edificio.
Para o BNG, esta situación evidencia novamente a improvisación e a ausencia de planificación que, ao seu xuízo, caracterizaron os quince anos de goberno do PP en Marín. Considermosa que inaugurar un centro cultural sen definir previamente a súa organización, funcionamento e proxecto cultural confirma unha forma de gobernar máis centrada na propaganda e na rendibilidade política ca planificación seria e na posta en marcha dun servizo para a veciñanza.
(*) Lucía Santos Omil, Portavoz Municipal do BNG de Marín.