Carriola.Redacción.24.05.26
O Cineclub Marín iniciou a súa actividade cunha notable resposta do público nas dúas primeiras xornadas organizadas arredor da figura do director galego Chano Piñeiro, pioneiro do audiovisual feito en Galicia e en lingua galea.
Precisamente, un dos aspectos que máis sorprendeu a moitas das persoas asistentes foi descubrir a estreita vinculación que Chano Piñeiro mantivo con Marín, onde pasou parte da súa infancia internado no colexio dos Padres Paúles, un detalle descoñecido para boa parte do público que asistiu á sala da Biblioteca Pública Municipal.
A iniciativa, impulsada por Marín de Cine, reuniu durante dous días a numerosos asistentes interesados tanto nas proxeccións como nos coloquios posteriores, nun arranque que a organización valora de maneira moi positiva. As sesións desenvolvéronse cun programa centrado nas proxeccións de Mamasunción e Sempre Xonxa, dúas obras fundamentais da historia do cinema galego.
Uxía Blanco presente na segunda sesión do ciclo

Uxía Blanco firmando autógrafos
A segunda xornada contou ademais coa presenza da actriz Uxía Blanco, protagonista de Sempre Xonxa, e do crítico cinematográfico Severiano Casalderrey, quen participaron nun coloquio aberto co público asistente. Durante o encontro abordáronse diferentes cuestións relacionadas coa figura de Chano Piñeiro, o contexto no que naceu o movemento "Cinegalicia" e a importancia do audiovisual galego dentro da cultura contemporánea.
Tanto Uxía Blanco como Severiano Casalderrey destacaron o papel fundamental de Chano Piñeiro na creación dun cinema feito desde Galicia e en galego, capaz de converter cuestións sociais como a emigración, a despoboación do rural ou a tradición dos nosos pobos e historias do imaxinario galego en relatos universais profundamente humanos.
O público participou de maneira moi activa durante ambas xornadas, xerándose un ambiente próximo no que tamén houbo espazo para compartir anécdotas arredor da rodaxe de Sempre Xonxa e da figura do director. Entre outros aspectos, Uxía Blanco relatou algunhas experiencias persoais durante a filmación e explicou as dificultades ás que tivo que facer fronte o equipo nun momento no que practicamente non existía industria audiovisual galega.

Severiano Casalderrei coa camiseta do novo CineClub Marín
Os coloquios como parte moi importante do ciclo
Desde Marín de Cine destacan precisamente o valor destes coloquios como parte esencial da experiencia cinematográfica. A organización considera que ver unha película acompañada dunha análise sobre o seu contexto histórico, narrativo e técnico permite ao público achegarse ao cinema dunha maneira moito máis completa e enriquecedora. Ese espírito de divulgación e encontro arredor do audiovisual é precisamente un dos obxectivos que o colectivo busca recuperar e trasladar novamente ao espazo público en Marín.

Uxía e Severiano co promotor do Cine Club, Antelo
Abono para asistir ás vindeiras proxeccións
Desde a organización destacan tamén “a boa acollida que tivo esta primeira proposta do cineclub e o interese mostrado polos asistentes pola futura programación xa que, moitas das persoas participantes, interesáronse xa polos abonos anuais e polos próximos ciclos previstos dentro da programación”.
O Cineclub Marín contará cun abono anual de 30 euros para asistir ás sesións programadas ao longo do ano, mentres que as entradas individuais terán un prezo popular situado entre os 3 e os 4 euros. A organización considera fundamental manter unha política de prezos populares para facilitar o acceso á cultura cinematográfica e fomentar a participación do público. As persoas interesadas poden solicitar máis información ou poñerse en contacto co colectivo a través do correo electrónico cineclubmarin@gmail.com ou do perfil de Instagram @cineclubmarin.