Carriola.CdM.02.06.26
O Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de Marín pon en marcha este mes de xuño o programa “Maraxe: Encontros en Briz”, unha iniciativa pensada para promover o benestar emocional, a convivencia e a creación de redes de apoio entre as mulleres do municipio nun entorno natural privilexiado como é a Granxa de Briz.
Coincidindo coa chegada do bo tempo, o programa nace coa vontade de ofrecer un espazo seguro, acolledor e participativo no que as asistentes poidan compartir experiencias, conectar consigo mesmas e fortalecer vínculos con outras mulleres a través de dinámicas lúdicas, creativas e de desenvolvemento persoal.
“Maraxe: Encontros en Briz” desenvolverase ao longo de tres sesións de dúas horas de duración, que terán lugar os venres 5, 12 e 19 de xuño, en horario de 10.00 a 12.00 horas, na Granxa de Briz.
Con prazas limitadas pero gratuitas
A actividade está dirixida exclusivamente a mulleres adultas residentes en Marín e será totalmente gratuíta, aínda que contará con prazas limitadas para garantir a calidade da experiencia e favorecer a participación activa de todas as asistentes.
Desde o CIM destácase a importancia de crear este tipo de espazos de encontro que contribúen ao fortalecemento persoal e colectivo das mulleres, fomentando a escoita, a confianza e o apoio mutuo.
Máis información
As persoas interesadas poden obter máis información ou formalizar a súa inscrición a través do teléfono 986 891 802, do WhatsApp 671 497 112 ou do correo electrónico cim.marin@concellodemarin.es.
O Concello de Marín anima ás veciñas a participar nesta proposta, que combina natureza, convivencia e coidado persoal nun marco único como o da Granxa de Briz.