Carriola.Iria Aboi.02.06.26
A Plataforma sanitaria de Seixo-Marín convoca unha protesta contra “a grave situación da listas de agarda” diante do Centro de Saúde de Marín este xoves 4 de xuño ás 20:30h, mobilización promovida canda Sos Sanidade Pública denuncia demoras de ata varios anos en consultas de especialistas e probas diganósticas e tamén esperas en atención primaria “ata para solicitar receitas”.

Iria Aboi , voceira da Plataforma
A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo e de Marín, que agrupa a máis de 20 colectivos, vén de anunciar a convocatoria dunha protesta para este xoves 4 de xuño ás 20:30h diante do Centro de Saúde de Marín para denunciar a “grave situación das listas de agarda” con demoras de ata varios anos en consultas de especialistas e probas diagnósticas e esperas en atención primaria “ata para solicitar receitas”.
Numerosos pacientes están a soportar esperas prolongadas para acceder a consultas especializadas e probas diagnósticas con casos que superan amplamente o ano e que mesmo chegan a dous ou tres de demora. Estase a facer un desmantelamento programado da sanidade pública. Antes da pandemia ninguén pensaría ter que agardar semanas para consulta de medicina de familia, case un ano para unha resonancia, e varios anos para consultas con especialistas. Hoxe ata hai lista de espera para conseguir receitas.”
Existen datos e podemos sinalar que, no Centro de saúde de Marín, en 5 dos seus cupos as esperas dos pacientes van dende os 15 ata os 26 días, isto acontece nos cupos da Dra. Mar Novo, Dra. Beatriz Díaz, Dra. Patricia López, Dra. Dolores Rivas, e do Dr. Pomares. Para matronas hai que agardar entre 26 e 28 días. Para odontoloxía 21 e para a nutricionista, que só consulta 2 días á semana no Centro de Saúde de Marín hai que agardar case dous meses e medio. Tamén hai dúas fisioterapeutas que non son suficientes porque a demora pode chegar aos catro meses.
Ademais, temos casos onde as revisións con especialistas previstas para os 3 meses en servizos como dixestivo, otorrinolaringoloxía, ou pneumoloxía, por exemplo, superan o ano de agarda. A Xunta di que nunca tanto se inverteu en sanidade pero debe ser na sanidade privada porque a realidade que vivimos as e os pacientes é outra e se non defendemos a nosa sanidade a situación irá a peor.
A Plataforma informa que Marín volverá saír á rúa en defensa da sanidade pública coincidindo con outras plataformas, cunha protesta o 4 de xuño ás 20:30h e que o lugar escollido foi o Centro de Saúde de Marín porque o de Seixo non abre polas tardes. Dende a organización faise un chamamento á participación para visibilizar un problema que esta xerando preocupación e inseguridade nos doentes. As listas de agarda actuais non reflicten a realidade que viven moitas persoas usuarias do sistema sanitario público e ademais é urxente tomar medidas como o reforzo dos recursos e persoal na antención primaria e hospitalaria, a optimización da actividade dos hospitais públicos e que non haxa peche de camas no verán, a redución das derivacións á sanidade privada e maior transparencia nas listas de agarda. A Xunta ten que mudar o rumbo da súa política e se non o fai, só queda a mobilización en defensa da nosa saúde.