Carriola.Dip.Prv.27.07.26
O estado fitosanitario da uva é excelente pero observáronse síntomas de mildio larvado en acios. Areeiro recomenda intervencións nos lugares onde as poboacións de Scaphoideus titanus, o vector da flavescencia dourada, sexan elevadas O estado da uva e as previsións dos diferentes modelos meteorolóxicos manteñen os prazos estimados de vendima para finais de agosto e primeiros de setembro
A Deputación de Pontevedra aconsella manter a vixilancia e continuar cos labores culturais de esfollado nas vides máis frondosas. O estado fitosanitario da uva é, segundo Areeiro, excelente pero téñense observado síntomas de mildio larvado en acios. Ademais, Areeiro recomenda intervencións pautadas nos lugares onde as poboacións de Scaphoideus titanus, o vector da flavescencia dourada, sexan elevadas e asegura que, co estado da viña e as previsións meteorolóxicas, os prazos estimados de vendima mantéñense para finais de agosto e primeiros de setembro.
Nas revisións realizadas esta semana atopáronse manchas de aceite novas na práctica totalidade dos predios,

nas follas tenras e nas partes máis altas. Ademais, nas viñas con maior frondosidade observáronse síntomas de mildio larvado. Deste xeito Areeiro fai fincapé na importancia de realizar as intervencións fitosanitarias con equipos de aplicación revisados e calibrados así como levar a cabo unha boa xestión ou manexo da frondosidade das plantas, xa que o exceso de vexetación limita a chegada dos produtos fitosanitarios aos acios, continuando cos labores culturais de esfollado nas máis frondosas.
Tamén recomenda o centro dependente da Deputación labores culturais que favorezan a ventilación dos acios, non só

controlando a frondosidade das vides senón tamén a vexetación do chan, para facer fronte ao oídio. E advirte de que as previsións meteorolóxicas para os próximos días aumentan o risco de aparición de botrite, un risco que irá aumentando conforme se vaian acumulando azucres nos grans.
No que respecta ao Scaphoideus titanus, o vector da flavescencia dourada, Areeiro aconsella aplicar os tratamentos insecticidas obrigatorios nas zonas demarcadas, así como os recomendados nas zonas limítrofes. O persoal aconsella que se fagan máis intervencións das pautadas oficialmente nos lugares onde as poboacións sexan elevadas e sobre todo se hai viñas abandonadas que non se tratan. Neste caso, recorda que estas viñas deben ser eliminadas para evitar a dispersión da enfermidade.
Areeiro tamén observou trips, insectos que provocan danos máis ben estéticos neste momento da campaña, e síntomas de plantas con acariose, tamén con incidencia pequena sobre a uva en maduración salvo casos estremos, nos que se podería intervir con xofre.

No que respecta á nogueira, continúa o voo da mosca da casca verde da noz, cuxas larvas destrúen a casca, que podrece e seca. Para o seu control, o centro dependente da Deputación aconsella trampas de feromonas e eliminar os froitos caídos ao chan para evitar que as larvas se enterren. Por outra banda, detéctase un incremento na intensidade dos síntomas da bolboreta do buxo, polo que Areeiro recomenda incrementar a vixilancia e tratar en caso de que o avance da defoliación o faga necesario, para evitar que a planta sufra ou mesmo chegue a morrer.