Carriola.Lucía Santos (*).20.10.26
Desde o BNG denunicamos a falta de recursos para atender adecuadamente a diversidade do alumnado nos centros educativos públicos e reclamamos medidas que respondan ás necesidades reais da comunidade educativa e a convocatoria inmediata do Consello Escolar Municipal para dar voz aos centros, ao profesorado e ás ANPAS.

Lucía Santos Omil
O BNG reclamou no pleno municipal de outubro que o Concello interceda ante a Xunta de Galiza para reforzar o persoal de apoio nos centros educativos públicos da vila, ante a situación de aulas sobrecargadas e cun elevado número de escolares con necesidades específicas de apoio educativo.
Un exemplo que materializa ben a realidade da educación en Marín é a do CEIP Sequelo. onde o profesorado e a ANPA están a reclamar apoio especializado en atención á diversidade lingüística, mediación e acompañamento educativo, así como recursos que faciliten a aprendizaxe inicial e a adaptación do alumnado. Estas necesidades non poden recaer exclusivamente no esforzo do profesorado.
Esta situación evidencia a necesidade de recuperar o Consello Escolar Municipal como ferramenta democrática de participación, diálogo e coordinación entre a comunidade educativa e a administración local. Trátase dun órgano que permitiría escoitar directamente as demandas dos centros, do profesorado e das ANPAS, analizar as dificultades existentes e canalizar propostas e solucións ante as administracións competentes.
Lembramos que levamos anos reclamando a súa convocatoria e que en xullo de 2025 presentouse polo noso grupo unha moción, aprobada polo pleno municipal, para reactivar este órgano, que non se reunía desde o ano 2022. Malia as reiteradas peticións realizadas posteriormente nas comisións informativas, e nos espazos plenarios, temos que denunciar que o goberno local do PP continúa sen dar cumprimento a este acordo.
Desde o BNG insistimos en que os órganos de participación municipal deben ser espazos útiles para escoitar as demandas da veciñanza, abordar os problemas e trasladar propostas ás administracións responsables, e reclamamos ao goberno local que facilite o seu funcionamento e se implique na procura de respostas ás necesidades da comunidade educativa.
(*) Lucia Santos Omil é a Voceira do Grupo Municipal do BNG.