Carriola.Cons.Med.Amb.. 11.04.25
A proba deportiva “Tripla Coroa Illas Atlánticas de Galicia” vén de abrir o prazo de inscrición para participar na travesía a nado que terá lugar o vindeiro 6 de setembro entre a praia de Area dos Cans, na illa de Ons, e o areal de Silgar, en Sanxenxo, de 13 quilómetros de distancia. Este ano, como novidade, organizaranse dúas probas infantís gratuítas de 50 e 150 metros na praia de Silgar
Este ano, ademais de conmemorarse o décimo aniversario desta competición de natación, celébrase a primeira proba da cuarta edición, e, de feito, espérase que participen nesta nova travesía os gañadores das edicións anteriores, que se celebraron entre 2015 e 2017, 2018 e 2021, e 2022 e 2024.
Os interesados en participar nesta nova edición poden formalizar xa a súa inscrición na seguinte. En concreto, os nadadores que participaron en dúas ou tres edicións anteriores desta competición poden facelo desde o venres, día 4 de abril. Aqueles que completaron unha edición poderán inscribirse a partir do día 9 de abril, ás 12,00 horas. O resto de nadadores poderán rexistrarse a partir do día 16 de abril as 10,00 horas ata completar as 120 prazas dispoñibles.
Probas infantís
Este ano, como novidade, organizaranse dúas probas infantís gratuítas de 50 e 150 metros na praia de Silgar (Sanxenxo), que se celebrarán tamén o 6 de setembro. A proba de 50 metros está dirixida a nenos e nenas de entre 5 e 8 anos e na de 150 metros poderá participar a rapazada de entre 9 e 13 anos. O prazo para inscribirse estará aberto ata o vindeiro 25 de agosto.
A maiores, está previsto organizar diversas accións para poñer en valor a riqueza natural e paisaxística de Galicia e, máis concretamente, do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, así como para demostrar que a conservación da natureza é compatible co seu uso e desfrute a nivel deportivo e turístico.