Carriola.Lucía Santos Omil (*). 08.05.25
Esta proposta non responde só a unha cuestión lingüística ou simbólica: trátase de cumprir a legalidade, garantir un servizo público máis eficiente e recoñecer o valor cultural e identitario da nosa toponimia tradicional

Lucía Santos Omil
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentará no vindeiro Pleno do Concello de Marín, previsto para este xoves 8 de maio, unha moción que propón unha actualización integral do rueiro municipal e da sinalización viaria, tanto no plano lingüístico como na súa organización e numeración. A proposta busca garantir o cumprimento da lexislación vixente, mellorar a ordenación do espazo urbano e poñer en valor a toponimia tradicional galega como parte fundamental da identidade colectiva de Marín.
A actualización do rueiro e da sinalización viaria é unha actuación necesaria para dar cumprimento á lexislación vixente, mellorar a organización urbana e recoñecer o valor patrimonial da nosa toponimia tradicional, que forma parte da identidade colectiva de Marín.
A moción tamén chama a atención sobre a falta de continuidade do proxecto de recuperación da microtoponimia anunciado polo goberno local no ano 2018, que —segundo sinala o BNG— non se concretou na elaboración dun inventario público nin na mellora da sinalización existente, desaproveitando o impulso xerado nos procesos participativos veciñais desenvolvidos naquela etapa.
Desde o BNG lembramos que tanto a Lei 3/1983 de Normalización Lingüística como a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galiza obrigan a empregar exclusivamente a forma oficial galega dos topónimos e a protexer a toponimia tradicional. Ademais, a propia ordenanza municipal de normalización lingüística de Marín, aprobada hai anos, recolle a mesma obriga, que actualmente non se está a cumprir.
Para dar resposta a esta situación, propoñemos tres medidas concretas:
- Aplicar a normativa vixente e a ordenanza municipal para galeguizar completamente a sinalización e o rueiro.
- Crear e publicar un Inventario Municipal de Toponimia Tradicional, integrando a microtoponimia recollida en procesos veciñais e fontes locais.
- Revisar e corrixir a numeración viaria para evitar incoherencias nos rexistros oficiais e mellorar a localización de vivendas e servizos.
O obxectivo do BNG con esta moción é dar un paso cara a un rueiro máis coherente e útil para a cidadanía, que cumpra coa legalidade e contribúa a preservar a memoria e identidade colectiva de Marín. Trátase de resolver problemas concretos de sinalización e numeración, ao tempo que se recoñece a importancia da nosa toponimia como parte do patrimonio cultural.
Lucía Santos Omil é a Portavoz Municipal do BNG.