Carriola.26.11.25
O día no que o autobús nunca chegou.

Aarón Franco
O 26 de novembro, a ONU convidanos a falar de transporte sostible, de mobilidade accesible, de servizos públicos que conecten territorios e persoas. A propia Xunta, a través do seu Observatorio de Transporte, presume do Día Mundial do Transporte sostible e da importancia de sistemas “seguros, alcanzables, accesibles e sostibles para todas as persoas”. En Marín e na Galiza esa declaración soa a chiste.
A veciñanza leva meses denunciando que o bus entre Marín e Pontevedra, non cumpre horarios e alonga as esperas. Falamos dunha liña masiva: estudantes, traballadoras, persoas maiores que van a consultas, xente que se move a diario. E, malia iso, a empresa fai e desfai co beneplácito da Xunta.
O problema non remata aí. As conexións co Morrazo e coas praias arrastran tamén queixas pola falta de accesibilidade. É vergoñento que no ano 2025, as persoas con mobilidade reducida teñan que avisar con 24 horas de antelación se precisan un bus adaptado. Nun municipio con parroquias espalladas e moita xente maior, iso non é un pequeno fallo técnico, é unha barreira social perfectamente planificada co único obxectivo do beneficio económico por riba do servizo público. A isto súmanse as paradas no rural, espalladas por Seixo, Ardán, Mogor ou O Campo, nas que o bus pasa pouco, tarde, ou sinxelamente non pasa. A Xunta anuncia proxectos para “mellorar” paradas no termo municipal, con marquesiñas novas e formigón fresco, pero sen garantir que detrás desa foto haxa frecuencias decentes. Parada si, servizo non.
Todo isto non é unha anécdota local, senón un síntoma: Galiza está desartellada. O país non ten unha rede de transporte público á altura da súa realidade. A dispersión da poboación, que tanto se invoca para xustificar recortes e peches de servizos, desaparece da ecuación cando se trata de investir en liñas de bus comarcais, en liñas que conecten parroquias coas cabeceiras das comarcas. Mesmo empresas públicas como Sogama recoñecen que a loxística é un desafío nun territorio de milleiros de núcleos rurais espallados.
A pregunta cae soa: se o saben para mover lixo, como non o van saber para mover persoas?
O Día Mundial do Transporte Sostible nace precisamente para lembrar que os sistemas de mobilidade deben ser seguros, accesibles, asequibles e con baixas emisións, e que son chave para o desenvolvemento económico e o benestar social. En Galiza, con todo, a aposta real da Xunta segue a ser unha combinación de coche privado, concesións a grandes operadoras e obras dispersas sen visión de país. Mellóranse estacións intermodais nalgúns puntos, elimínanse paradas noutras liñas, optimízanse os tempos cara Vigo ou A Coruña e mentres, milleiros de persoas no interior e no litoral seguen sen alternativa ao volante propio.
Desde unha óptica de país, a isto hai que chamarlle falta de soberanía. Un país que non decide como se move a súa xente, que non planifica os fluxos entre comarcas, que non garante que unha persoa poida ir traballar, estudar ou ao hospital sen depender dun coche, é un país ao que se quere subordinar. E vai ser que non nos imos deixar.