Carriola.Cons de Educ.03.04.26
O prazo de execución da actuación, unha vez se inicien os traballos, é de nove meses Esta é unha das primeiras 16 actuacións programadas pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP para este ano

A Xunta de Galicia vén de adxudicar por case 1,1 M€ a obra de rehabilitación do Colexio O Seixo, en Marín, que realizará a empresa Coviastec. O prazo de execución da actuación, unha vez se inicien os traballos, é de nove meses. O obxectivo desta intervención da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP é mellorar o confort térmico do centro e a súa eficiencia enerxética.
O programa da intervención inclúe o cambio de cuberta por unha nova de panel sándwich con illamento térmico, o illamento das fachadas polo exterior con sistema SATE e o cambio das carpinterías exteriores por unhas novas de aluminio lacado con rotura de ponte térmica e dobre vidro. Xa no interior do colexio instalaranse falsos teitos e paneis fonoabsorbentes, así como luminarias led.
A maiores, redistribuiranse varios espazos para xerar unha nova aula para 4º de Infantil e unha sala auxiliar e instalarase un ascensor para mellorar a accesibilidade do colexio.
A actuación enmárcase nas primeiras 16 obras programadas pola Consellería en centros de ensino para este ano, cun investimento total de máis de 16 M€. No conxunto do ano, o investimento da Xunta en obras en centros educativos ascenderá a un total de 73,6 M€, un 4% máis.
Máis de 19,5 M€ na área de Pontevedra
A Xunta está a investir máis de 19,5 M€ en obras en centros educativos da área de Pontevedra no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Ademais das realizadas na cidade do Lérez, destacan pola súa envergadura as rehabilitacións integrais do CEIP de Seara (Moaña, 860.000 €) e do CEIP de Sequelo-Marín (825.000 €), as reparacións dos danos do temporal no IES María Soliño (Cangas, 675.000 €) e o cambio de cubertas no CEIP do Carballal (Marín, 500.000 €).
Así mesmo, acaba de adxudicarse tamén a rehabilitación integral do CEIP Plurilingüe Pedro Antonio Cerviño (Campo Lameiro, 700.000 €).