Carriola.Redacción. 13.03.25
Lucía Santos defende no Pleno de hoxe unha ordenanza municipal que limite o uso da pirotecnia, impulse alternativas máis silenciosas e reduza os impactos negativos sobre a veciñanza e o medio ambiente.

Lucía Santos Omil
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) levará ao pleno municipal que se celebrará hoxe, 13 de marzo, unha moción na que propón regular e reducir o uso da pirotecnia en festexos mediante unha ordenanza municipal. A proposta busca minimizar os efectos negativos que os estoupidos causan en parte da poboación e promover alternativas máis sostibles e respectuosas coa convivencia.
O BNG lembra que cada vez son máis os concellos que adoptan medidas neste sentido, dada a evidencia dos problemas que o ruído extremo pode provocar en crianzas, persoas enfermas, persoas maiores, persoas con trastorno do espectro autista (TEA), epilepsia, enfermidades cardiovasculares ou hipersensibilidade sensorial. Estes efectos inclúen desde malestar físico e mental ata crises convulsivas ou ansiedade severa.
A formación tamén advirte que a contaminación acústica da pirotecnia non afecta só ás persoas máis vulnerables, senón que representa un risco para a poboación en xeral. Os foguetes máis potentes poden superar os 170 decibelios, moi por riba do límite dos 120 decibelios a partir do cal, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), se poden producir traumas acústicos.
A moción incide tamén nos efectos negativos sobre os animais, que teñen unha sensibilidade auditiva máis elevada e sofren cadros de ansiedade, taquicardias, problemas respiratorios ou desorientación. Cada ano, prodúcense casos de animais de compañía que escapan dos seus fogares debido ao ruído, moitos deles con desenlace fatal.
O que propoñemos non é acabar coas festas, senón facer que sexan compatibles co benestar da veciñanza. Hai moita xente que sofre con estes estoupidos, e temos alternativas máis silenciosas e igual de espectaculares.
Desde o grupo nacionalista tamén insistimos na necesidade de avanzar cara a celebracións máis sostibles e respectuosas. A pirotecnia tradicional non só xera molestias, tamén contamina o aire, o chan e a auga. Temos a oportunidade de modernizar o xeito de celebrar, sen renunciar á festa, pero reducindo o impacto negativo sobre as persoas e o medio.
A moción solicita ao Goberno do Partido Popular (PP) a elaboración dunha ordenanza que regule o uso da pirotecnia, estableza horarios e lugares permitidos, reduza o uso das bombas de palenque e obrigue a informar previamente da duración dos espectáculos. A proposta tamén inclúe a promoción de alternativas de baixo impacto acústico que garantan o respecto pola saúde da veciñanza, o benestar animal e a protección ambiental.
Lucía Santos Omil e a Portavoz do Grupo Municipal do BNG.