Carriola.Almuinha. 03.05.25
A Asociación Cultural Almuinha organiza o vindeiro venres 9 de maio, ás 20:30 horas, un acto na Biblioteca Municipal Vidal Pazos de Marín baixo o título “Palestina, a TRAXEDIA que non cesa”. Un espazo para a denuncia, a análise e a solidariedade internacionalista, no contexto do xenocidio en curso contra o pobo palestino.
A situación en Palestina alcanzou niveis de crueldade sen precedentes, converténdose no maior horror televisado en tempo real do século XXI.
Desde outubro de 2023, o Estado de Israel intensificou os bombardeos sobre Gaza e Cisxordania, provocando decenas de miles de mortes, maioritariamente civís, e a destrución deliberada de hospitais, escolas, campos de refuxiados e infraestruturas básicas. A comunidade internacional permanece impasíbel ante unha política de limpeza étnica que cumpre, según xuristas e organismos de dereitos humanos, os criterios de xenocidio. Esta traxedia, lonxe de ser un conflito entre iguais, responde á lóxica colonial e supremacista imposta por un Estado ocupante contra unha poboación desposuída, atrapada entre os muros, os checkpoints e a fame.
No acto intervirán dúas voces con profundo coñecemento e compromiso coa causa palestina.
En primeiro lugar, Mohamed Safa, médico palestino nado en Cisxordania en 1956, territorio ocupado por Israel desde 1967. Viviu alí até os seus 19 anos, marchando en 1976. Estudou Medicina na Universidade de Santiago de Compostela e especializouse en Oftalmoloxía en Oviedo. Residente en Cee desde hai décadas, Mohamed Safa converteuse nunha referencia no activismo pola causa palestina na Galiza. Alén da súa traxectoria profesional, destaca como escritor e conferenciante, autor de libros como "Palestina, grito por la libertad" (2003), "La Revolución árabe: Democracia, nacionalismo, religión y Palestina como nudo gordiano" (2017) ou "La segunda nakba palestina: El proceso de paz" (2020). A súa voz serena, mais firme, leva anos denunciando a ocupación e o espolio sistemático do seu pobo.
A seguir, tomará a palabra Xurxo Agra do Pazo, politólogo marinense e analista internacional especializado en Oriente Medio, Norte de África e Asia Central. Licenciado en Ciencias Políticas, colabora con medios como Nós Diario e anteriormente en A Nova Peneira. Agra achegará unha lectura xeopolítica da situación actual, contextualizando os intereses en xogo, os actores implicados e a manipulación informativa que rodea a cobertura mediática do conflito.
Con este acto, a Asociación Cultural Almuinha reafirma o seu compromiso cun mundo máis xusto e con voz propia para os pobos oprimidos. A entrada é libre até completar aforo.
Nunca máis un xenocidio silenciado. Nunca máis unha Palestina esquecida.