Carriola.Almuinha. 14.05.25
O II Festival das Letras homenaxeará ás cantareiras cunha celebración popular de música tradicional, poesía e participación comunitaria.

O sábado 17 de maio de 2025, co gallo do día das Letras Galegas, a praza da Veiguiña en Marín volverá transformarse nun escenario vivo para a palabra, a música e a memoria
compartida. A Asociación Cultural Almuinha e o colectivo Mocidade polo Cambio organizan a segunda edición do Festival das Letras, un evento que este ano cobra un significado especial, xa que a Real Academia Galega dedica a xornada ás cantareiras, recoñecendo o papel fundamental das mulleres que transmitiron xeración tras xeración o patrimonio oral e musical de Galiza.
Con este espírito, o festival presenta unha programación diversa e combativa, onde seentrelazan a música tradicional galega, poesía contemporánea, os ritmos urbanos e o rock coa participación activa da veciñanza.
Entre as 19:30 e as 22:30 horas, a Praza da Veiguiña acollerá actuacións, recitais,proxeccións, xogos e sorteos nun espazo público recuperado para a cultura viva e popular.
Un festival para honrar ás mulleres que cantaron a memoria do pobo.
En palabras do presidente da A.C Almuinha, Aarón Franco, “neste 2025, as Letras Galegas fan xustiza a esas mulleres anónimas, as cantareiras, que fixeron da música unha ferramenta de identidade, resistencia e transmisión cultural. Mulleres que gardaron o idioma cando era perseguido, e que contaron historias cando todo estaba calado”.
O II Festival das Letras quere ser parte desa homenaxe, facendo das cantareiras o centro simbólico da celebración. Por iso, entre as actuacións destacadas da tarde estarán as

Pandereiteiras da Veiguiña, un grupo de mulleres de Marín que está a recuperar ritmos e danzas tradicionais desde a base comunitaria e o feminismo popular. As pandereiteiras encherán a praza coa forza das ferreñas e da voz colectiva.
A poesía como fío que une as voces e os tempos.
A poesía, como a canción tradicional, será o fío condutor do festival. A palabra dita en galego, escrita e compartida dende distintas xeracións e estilos, atravesará todo o evento. Os recitales intercalaranse entre as actuacións musicais, ofrecendo respiros, crítica e emoción.Abrirá o evento Laura Piedras, coa súa poesía urbana e feminista, seguida por Fita Sanjorge, Richard Pazos, Mercedes Sancho, Benito Piñeiro e Davinia Lojo, Charo Valcárcel, Aarón Franco, Elena Lameiro e Nila Álvarez Pousa, completando así un programa onde o compromiso coa lingua e o territorio se expresa desde a diversidade estilística e xeracional.
En palabras de Elena Lameiro “estes recitais están pensados para recoñecer a creación literaria galega como parte esencial do noso patrimonio cultural, con especial atención ás voces emerxentes e ás mulleres creadoras”.
Música para lembrar, bailar e resistir.
A parte musical do festival será ampla e variada. Ademais das Pandereiteiras da Veiguiña, subirán ao escenario, Os Morenos Peludos que mesturará a música tradicional galega con sons contemporáneos, nunha aposta innovadora e arriscada que rompe fronteiras entre o rural e o urbano. Raquel González, pola súa banda ofrecerá un concerto de pandeiro e voz.
Tamén haberá espazo para o rock, e para iso contaremos cos Estroinas, un grupo galego de son potente e letras afiadas, que esta a demostrar que a lingua galega tamén se berra e se celebra entre guitarras distorsionadas e enerxía.
Participación e memoria audiovisual.
A festa non será só para observar ou escoitar, tamén será para xogar, participar e recoñecerse colectivamente.
O colectivo OZOCOgz conducirá un xogo deseñado para implicar a todo o público nunha dinámica de humor, reflexión e identidade galega. A través de pistas, preguntas e retos, activarase a memoria colectiva sobre a lingua, os símbolos, a historia e a cultura. Proxectaranse vídeos sobre música tradicional, centrados na figura das mulleres como transmisoras da cultura musical oral. Estas pezas breves visibilizan o traballo de recollida, recuperación e reinterpretación que se leva facendo moitas veces desde o activismo e sen apoio institucional.
Un espazo simbólico para a cultura do común.
En palabras do presidente de Almuinha, Aarón Franco, “a escolla da praza da Veiguiña non é inocente. Situada no centro da vila, cunha forte carga simbólica e unha historia de usos veciñais, a praza foi durante anos esquecida ou infrautilizada”.
Hoxe, grazas ao impulso da veciñanza organizada, convértese nun espazo de encontro, de celebración e de dignificación da cultura propia. O festival contribúe así a recuperar espazos públicos para usos comunitarios ao servizo do pobo.
Autoorganización cultural e defensa da lingua.
O II Festival das Letras é unha iniciativa independente e autoorganizada, nacida da vontade de construír alternativas culturais desde abaixo. A Asociación Cultural Almuinha e Mocidade polo Cambio, organizadoras do evento, contan co apoio de persoas voluntarias, creadoras e colectivos que ceden tempo, medios e esforzos para facer posible este encontro.
Non hai entradas, o festival é aberto, gratuíto e colectivo. Trátase de unha aposta pola cultura galega como ferramenta de transformación social, de defensa da lingua, de memoria e de futuro compartido.
O II Festival das Letras non é só unha celebración cultural: é un acto político no sentido máis fondo da palabra. É unha forma de dicir que a nosa lingua está viva porque canta, porque rima, porque vibra nos corpos e nas voces das que crean, loitan e celebran. Que as cantareiras de hoxe e de onte seguen entre nós cada vez que unha pandeireta resoa, cada vez que unha poeta recita, cada vez que alguén decide escribir, cantar ou berrar en galego.
“Por iso convidamos á veciñanza a vir, a facer parte, a estar presente. O sábado 17 de maio, ás 19:30, na praza da Veiguiña convidamos á veciñanza de Marín a traer as súas mans, o seu corpo, a súa alegría e a súa lingua”. di Laura G. Troitiño.
Porque cando o común se canta, faise invencible!