Carriola.Aarón Franco (*). 31.05.25
A Asociación Cultural Almuinha chama a participar na marcha do 1 de xuño contra ENCE e ALTRI: pola defensa da terra e da vida

Aarón Franco
Desde a Asociación Cultural Almuinha queremos expresar o noso firme apoio á mobilización convocada este domingo 1 de xuño contra a continuidade de ENCE na ría de Pontevedra e contra a instalación da macrocelulosa de ALTRI na comarca da Ulloa. Facemos un chamado público á veciñanza de Marín e do conxunto da Galiza a participar activamente nesta marcha que partirá simultaneamente das alamedas de Marín e Pontevedra ás 12 da mañá, nun clamor colectivo pola defensa do noso territorio, das nosas augas e do futuro común.
O lema desta convocatoria, “Nin ENCE na ría, nin ALTRI na Ulloa. Celulosas fóra”, resume con claridade o sentir de milleiros de persoas que levamos anos loitando contra un modelo industrial contaminante, depredador e alleo aos intereses das comunidades locais. ENCE leva décadas degradando un ecosistema único, xerando residuos, vertidos e prexudicando sectores fundamentais como a pesca e o marisqueo, alicerces do tecido social e económico da nosa ría.
Agora, coa ameaza que supón ALTRI para a comarca da Ulloa, asistimos a unha repetición do mesmo esquema de espolio: promesas de emprego que agochan unha realidade de destrución ambiental, consumo masivo de auga, emisións contaminantes e concentración de riqueza nas mans dunhas poucas empresas transnacionais.
Desde Almuinha, como entidade que traballa pola cultura, a memoria e o ben común, non podemos ficar caladas ante esta nova ofensiva contra a terra. Sabemos que non hai cultura viva nunha terra morta. Sabemos que a dignidade dun pobo constrúese defendendo o que é seu: os montes, os ríos, as rías, a saúde, os dereitos colectivos e a capacidade de decidir sobre o seu futuro.
Por iso, este domingo camiñaremos xunto aos milleiros de persoas que van erguer a voz desde Marín e Pontevedra, sumando forzas coas plataformas ecoloxistas, os colectivos do rural, o tecido asociativo, as mariscadoras, o estudantado e a xente nova que xa non quere hipotecar a súa vida por un puñado de intereses empresariais.
Reivindicamos un modelo sostible, baseado na soberanía local, na conservación dos recursos naturais e na participación cidadá real. Fronte ao extractivismo, fronte á mentira do “progreso” que contamina e empobrece, queremos outro modelo de país: máis verde, máis xusto, máis galego.
(*) Presidente da Asociación Cultural Almuinha.